Empanada de morcilla, cebola caramelizada e mazá

Ingredientes:

Para a masa: 375 g de fariña panificable sen glute Schär, 3 ovos, 3 culleres de aceite de oliva virxe extra, 5 culleres de auga, 1 culleriña de sal, 1 culleriña de lévedo seco de panadería.
1 ovo e 2 culleres de leite para pintar a empanada.

Para o recheo: 4 ou 5 cebolas, 1 mazá, 1 morcilla de arroz sen glute, 2 culleres de azucre moreno, aceite de oliva virxe extra.



Elaboración:

Masa
  1. Poñer todos os ingredientes na amasadora e amasar ata que a masa se separe das paredes do recipiente. Igual é necesario engadir un pouco máis de auga segundo o tamaño dos ovos.
  2. Deixar repousar unha media hora.

Recheo: 
  1. Pelar as cebolas e cortalas moi finas, mellor usar unha mandolina.
  2. Poñer a cebola nunha tarteira cun pouco de aceite, 2 ou 3 culleres, e sal. Deixar que se faga a lume moi suave. É mellor comezar a cociñar as cebolas ao principio, xa que é o que máis tarda en facerse.
  3. Engadir á cebola o azucre moreno e deixar que sigan cociñándose suavemente.
  4. Cando as cebolas estean xa feitas subir o lume para que collan un pouco de cor. Reservar.

Montaxe:
  1. Acender o forno a 180ºC.
  2. Estirar a metade da masa deixándoa moi fina.
  3. Esmagar a morcilla e botala por enriba da masa.
  4. Cubrir a morcilla coa cebola caramelizada.
  5. Cortar a mazá moi fina cunha mandolina.
  6. Poñer os anacos de mazá por enriba da cebola.
  7. Estirar moi fina a outra metade da masa, tapar  a empanada e pechar os bordos.
  8. Pintar a empanada cun ovo batido mesturado cun pouco de leite.
  9. Cocer no forno durante 30 minutos.

Dificultade: Media.
Tempo aproximado: 1 hora e media.

Comentarios