Albóndigas vexetais con fideos "vermicelli" chinos

Está é unha receita india pero eu fixen algunha variación como utilizar salsa harissa, que é marroquí, así que o final queda un prato mestizo. A verdade  resulta moi fácil de facer e  moi completo.




Ingredientes:

Para as albóndigas: 250 g de repolo relado moi fino, 125 g de cenoria relada fina, 1 cebola mediana picada fina, 1 culler de harissa, 1 culler de salsa de soia, 1 culler de amidón de millo.
Para a salsa: 2 culleriñas de xenxibre picado , 2 culleriñas de allo picado, 4 pementos do "piquillo" picados, 1 culler de salsa de soia, 1 culler de ketchup sen glute, 1 culler de vinagre, sal, aceite de oliva, auga. 
Ademais: 50 g de fideos vermicelli chinos sen gluten, por persoa.


Elaboración:

Albóndigas

  1. Mesturar o repolo, as cenorias, a cebola, a culler de harissa, a culler de salsa de soia e a culler do amidón de millo.
  2. Remexer todos os ingredientes e deixar repousar uns 15 minutos.
  3. Coa mestura anterior facer unhas boliñas coma de ping-pong aprentándoas ao facelas. Con estas cantidades saen unhas 20.
  4. Resevar o líquido que se vai soltando ao facer as boliñas.
  5. Poñer aceite a quentar nunha tixola e cando estea quente ir fritindo as boliñas ata que empecen a ter unha pouca de cor.
  6. Sacalas do aceite e reservalas sobre papel de cociña para escorregalas.

Salsa

  1. Nunha tarteira poñer un pouco de aceite a lume suave, engadir o xenxibre e o allo.
  2. Cando empecen a "saltar" engadir os pementos picados, remexer e deixar que se cociñen durante uns minutos.
  3. Engadir a salsa de soia, o ketchup e o vinagre. Remexer.
  4. Engadir o líquido que se soltou ao facer as boliñas. Remexer e engadir a auga suficiente para que a salsa quede do espesor desexado.
  5. Remexer a salsa e deixar que se faga durante uns minutos.
  6. Botar as boliñas na salsa e deixar que se cociñen a lume suave.

Montaxe

  1. Metres facer os fideos seguindo as indicacións do envase.
  2. Cando os fideos estean feitos servilos nun recipiente individual fondo e engadir por enriba 3 ou 4 albóndigas coa salsa.
  3.  Servir inmediatamente.

Dificultade: Fácil.
Tempo aproximado: 50 minutos

Comentarios