Castañas en xarope

O grao de dificultade desta receita non vén pola súa elaboración, que é moi sinxela, senón polo traballoso que é pelar as castañas. Despois de probar varios métodos, para min, o mellor é facerlles un corte na cortiza e metelas no microondas uns 30 ou 40 segundos. Así resulta máis fácil pelalas pero aínda custa traballo.




Ingredientes:

1 kg de castañas, 500 ml de auga, 200 g de azucre, 100 g de azucre moreno, 1 anís estrelado, 1 pau de canela, dúas ou tres vaíñas de cardamomo abertas, a pel de media laranxa sen a parte branca.


Elaboración:


  1. Pelar as castañas facéndolles un corte na cortiza e meténdoas entre 30 ou 40 segundos no microondas, así resultará moito máis fácil quitarlles a pel fina. Ao pelalas estragaranse moitas castañas, ou porque estean malas ou porque rompan.
  2. Poñer a auga a quentar e engadir o resto de ingredientes.
  3. Engadir as castañas e deixalas ferver entre 15 e 20 minutos, ou ata que estean cocidas, isto vai depender do tipo de catañas.
  4. Retirar do lume e deixalas arrefriar.
  5. Gardalas en botes pechados ao baleiro ou na neveira.



Dificultade: Media.
Tempo aproximado: 30 minutos máis o tempo que se tarda en pelar as castañas.

Comentarios