Tortiñas de requeixo con ensalada

Estas tortiñas son moi fáciles de elaborar e poden ser unha estupenda e rápida comida ou cea. Eu utilizo para facelas unha tixola pequena, duns 13 cm de diámetro, pero poden facerse en tixolas grandes ou ferros e así se poden cociñar varias á vez e acabar antes. Esta receita é unha adaptación dunha que aparece na web de Yotam Ottolenghi. 
As tortiñas teñen un lixeiro sabor a queixo polo que o acompañamento de ensalada vai moi ben. Usei améndoas en cubiños para acompañalas, porque era o que tiña a man, pero pode utlizarse calquera outro froito seco que lles dará un punto crocante.



Ingredientes:

80 g de fariña de trigo sarraceno, 10 g de impulsor químico sen glute, 250 g de requeixo, 3 culleres de queixo parmesano relado, 125 ml de leite, 2 ovos, unha presa de améndoa picada, 150 g de tomates cherry, rúcula, mezclum (mezcla de brotes tenros para ensalada) , manteiga, aceite de oliva virxe extra, pementa negra relada, sal, vinagre balsámico.



Elaboración:


  1. Acender o forno a 150ºC
  2. Cortar os tomates cherry  pola metade, botarlles un pouco de aceite, pementa negra e sal, remexelos e poñelos nunha fonte para o forno coa pel para abaixo.
  3. Meter os tomates no forno durante 1 hora ata que perdan moita auga.
  4. Cando estean feitos sacar do forno e deixar arrefriar. Reservar.
  5. Nuha tixola poñer a améndoa picada e quentala a lume suave ata que os anacos de améndoa estean torrados. Reservar.
  6. Media hora antes de que estean os tomates pódense ir preparando as tortiñas.
  7. Coa batedora de man mesturar: a fariña, o impulsor químico, o requeixo, o queixo parmesano, o leite e os ovos. Bater ata ter unha mestura homoxénea.
  8. Poñer ao lume suave unha tixola duns 13 cm de diámetro cun pouco de manteiga. Cando estea quente botar na tixola a mestura do punto anterior ata ter unha capa como dun centímetro de espesor.
  9. Deixar que a tortiña vaia callando e cando na superficie empecen a facerse burbullas e empece a secar darlle a volta e deixar que se faga polo outro lado durante uns minutos. Sacar da tixola e reservar.
  10. Repetir o procedemento ata acabar a mestura, con estas cantidades saen unhas 5 tortiñas.
  11. Preparar unha ensalada cos tomates cherry a rúcula e o mezclum. Aliñar ao gusto.
  12. Servir as tortiñas acompañadas de ensalada e botarlles por enriba a améndoa torrada.


Dificultade : Fácil
Tempo aproximado: 1 hora

Alérxenos:

Comentarios