Sopa cos vexetais que queiras

O título desta entrada vén a conto porque esta sopa en realidade pode facerse cos vexetais que máis che gusten ou que teñas a man. Para que quede moi saborosa hai que deixala cocer moito a lume suave, así quedará unha sopa espesa cun puntiño picante que a fai moi apetecible nos días de frío. Está boísima acompañada co pan de millo con cebola e pemento picante.




Ingredientes:

1  cabaza pequena, 6 cenorias, 1 boniato, 2 nabos, unha presa guichos (brotes tenros de berza), 1 presa de espinacas, 1 allo porro, 1 anaco duns 10 cm de talo de apio, 1 taza de fabas brancas postas a remollo o día anterior, 1 dente de allo, 1 culleriña de pemento doce, 1 culleriña de pemento picante.


Elaboración:

  1. Picar moi fino o allo porro, o apio e o dente de allo.
  2. Poñer nuha tarteira ao lume suave cun pouco de aceite.
  3. Cortar a cabaza, o boniato, as cenorias e os nabos en cubiños dun centímetro de lado.
  4. Cortar os guichos e as espinacas en tiras finas.
  5. Cando o allo porro xa estea pochado engadir o resto dos vexetais, remexer un pouco e engadir as culleriñas de pemento doce e picante. Remexer.
  6. Engadir as alubias.
  7. Engadir auga ata uns catro dedos por enriba dos vexetais.
  8. Deixar cocer ao lume lento. Canto máis tempo estea cocendo máis rica estará a sopa.
  9. Cando estea todo cocido engadir sal ao gusto.
  10. Servir ben quente.

Dificultade: Facilísima
Tempo aproximado: 30 minutos de preparación e o tempo que queiras deixala cocer.
Alérxenos:




Comentarios