Torta de peras caramelizadas con xenxibre

Esta receita aparece na páxina de Jaime Olivier, e aínda que non me encantan as peras gústame moito o xenxibre e os biscoitos de améndoa asi que me lancei a facela.
Vendo a lista de ingredientes xa te dás conta que é unha bomba de calorías, polo que decidín baixar a cantidade de manteiga da receita orixinal. As peras quedan deliciosas, a mín sobráronme algúns anacos e gardeinos no xarope de xenxibre, boísimas¡ A tarta é un biscoito húmido que pode durar bastantes días sen secarse. A elaboración no é moi complicada pero coma sempre que se fai caramelo hai que ter moito coidado ao manexalo.


Ingredientes:

300 g de xenxibre, 4 peras, 550 g de azucre, 100 ml de auga, 4 ovos, 120 g de manteiga a temperatura ambiente, 200 g de azucre, 229 g de améndoas moídas 1 culleriña de impulsor químico sen glute.


Elaboración:

  1. Cubrir con papel de forno o fondo dun molde desmontable duns 25 cm de diámetro.
  2. Pelar e relar o xenxibre.
  3. Poñer nunha tarteira 700 ml de auga, 400 g (dos 550g) de azucre e o xenxibre picado, deixar que ferva uns minutos. Baixar o lume.
  4. Pelar as peras e poñelas na tarteira do punto anterior ata que estean cocidas.
  5. Poñer nun cazo os 100 ml de auga e os 150 g azucre que quedan dos 550 g. Facer un caramelo non moi escuro. Engadir ao caramelo 20 g de manteiga.
  6. Botar o caramelo no fondo do molde.
  7. Cortar as peras, xa cocidas, en tiras e colocalas sobre o fondo do molde.
  8. Acender o forno a 180ªC.
  9. Bater os 200 g de azucre cos 100 g de manteiga.
  10. Engadir un a un os catro ovos, seguir batendo. Non engadir o seguinte ovo ata que o anterior non estea ben incorporado.
  11. Engadir a améndoa moída e o impulsor químico, mesturar ben.
  12. Botar a mestura anterior no molde sobre as peras e o caramelo.
  13. Meter o molde no forno uns 35 minutos.
  14. Sacar do forno e deixar arrefriar a tarta.
  15. Cando estea fría desmoldar e darlle a volta.



Dificultade: Media
Tempo aproximado: 1 hora e cuarto.
Alérxenos:

Comentarios