Gnocchi de ricotta e espinacas

Hai tempo que tiña ganas de facer gnocchi, e xa sei que é un prato contundente máis propio de días fríos, pero cadrou agora e como tampouco temos moita calor... Non quería utilizar preparados comerciais de fariña sen glute, por iso utilicei fariña de arroz. A masa quedoume como se fora unha bechamel espesa, como para croquetas, e deilles forma con dúas culleriñas como se foran pequenas croquetas. Esta no é a forma habitual de facer gnocchis, debería ter unha masa manexable que puidera cortar. Noutra ocasión probarei a botar algún ingrediente que axude a ligar a masa. O proceso de darlles forma e cocelos foi un pouco laborioso por iso a dificultade da receita é media.
Os gnocchi quedaron moi suaves e moi ricos, o queixo ricotta que usei era moi suave, teño que repetilos utilizando un requeixo galego con máis acidez, que creo que lles dará máis sabor.
Fíxenos con salsa de tomate porque era o que tiña a man, pero teño que experimentar con outras salsas.

Ingredientes:

500 g de patacas para cocer, 100 g de espinacas, 350 g de fariña de arroz sen glute, 120 g de ricota, 50 g de queixo parmesano relado, media cebola, 1 dente de allo, 2 latas grandes de tomate natural enteiro, sal, pementa negra moída, aceite de oliva virxe extra, unhas follas de albahaca.



Elaboración:

  1. Pelar e cocer as patacas ata que estean ben brandas.
  2. Escaldar durante un para de minutos as espinacas en auga fervendo. Retiralas da auga e secala o máis posible. Reservar.
  3. Cando as patacas estean cocidas poñelas nun procesador xunto coa fariña de arroz, a ricota e o queixo parmesano. Engadir un pouco de sal e bastante pementa negra.
  4. Cortar en tiras finas as espinacas.
  5. Engadir as espinacas á masa feita coas patacas.
  6. Deixar repousar a masa na neveira un par de horas.
  7. Picar moi fina a cebola e o dente de allo e poñer nunha tixola cunha culler de aceite. Facer a lume moi suave.
  8. Abrir as latas de tomate , tirar toda a auga e cortar os tomates en dadiños procrurando eliminar toda a cantidade de auga posible. 
  9. Cando a cebola empece a estar transparente engadir o tomate á tixola, remexer e engadir sal e pementa ao gusto. Deixar cociñar a lume suave.
  10. Sacar a masa da neveira e ir facendo, usando dúas culleres, pequenas "croquetas". Ir deixando os gnocchi sobre papel de forno.
  11. Poñer abundante auga con sal a ferver.
  12. Ir engadindo á auga os gnocchi en pequenas cantidades e deixar que fervan ata que suban á superficie, entón retiralos da auga e reservar procurando mantelos quentes. 
  13. Seguir cocendo o resto de gnocchi.
  14. Cando todos os gnocchi estean cocidos poñelos nunha fonte e botarlles por enriba a salsa de tomate e se se quere un pouco de parmesano relado. 
  15. Adornar cunhas follas de albahaca e servir.
  16. Se os gnocchi arrefriaron moito, metelos no forno ben quente, durante uns minutos, xunto coa salsa de tomate.



Dificultade: Media.
Tempo aproximado: 1 hora e media máis o repouso da masa.
Alérxenos:

Comentarios