Tacos de vieiras con mango e guacamole

Encántame comer tacos, e ademaís gústame moito facer as "tortillas", cada día cóllolles mellor o punto. Estes tacos son lixeiros e frescos e moi fáciles de elaborar. Creo que o guacamole lle gusta a cada persoa cun punto diferente, é mellor facelo cada un ao seu xeito, a min gústame con cilantro , bastante lima e un pouco picante. O mango,se está no seu punto, queda delicioso acompañando as vieiras que estarán máis ricas se non se fan moito.



Ingredientes: 

Guacamole: 1 tomate mediano maduro, 1 aguacate maduro, 1 lima, un chile "jalapeño" en escabeche, media cebola vermella, cilantro fresco.
Vieiras con mango: 1 mango maduro, 6 vieiras, sal en escamas, aceite de oliva virxe extra.
Ademais: 12 "Tortillas" mexicanas


Elaboración:

Guacamole:
  1. Picar o cilantro.
  2. Pelar o tomate, sacarlle as sementes e picalo en anacos pequenos.
  3. Picar a cebola vemella en anacos pequenos.
  4. Picar en anacos moi pequenos o chile.
  5. Mesturar o cilantro, o tomate, o chile e a cebola.
  6. Pelar e cortar en anacos o aguacate, mesturar cos ingredientes anteriores, engadir o zume da lima, cun garfo esmagar o aguacate ata ter un puré no que quedarán algúns anacos de aguacate.
  7. Engadir sal ao gusto.
  8. Probar e engadir máis cilantro, lima e sal se é necesario. Reservar.
Vieiras con mango:
  1. Pelar e cortar o mango en cubiños pequenos. Reservar.
  2. Limpar as vieiras e utilizar só o corpo.
  3. Poñer unha prancha a lume forte cun pouco de aceite.
  4. Poñer as vieiras na prancha ata que estean torradas polas dúas caras e un pouco crúas no medio. Retirar do lume.
  5. Mesturar as vieiras e o mango, engadir sal en escamas e un pouquiño de aceite.
Montaxe:
  1. Untar cada "tortilla" cunha cantidade xenerosa de guacamole.
  2. Engadir unha vieira con anacos de mango.

Dificultade: Fácil agás facer as "tortillas", que ten certa dificultade.
Tempo aproximado: 30 minutos máis o tempo de facer as "tortillas"
Alérxenos:

Comentarios