Parece que xa chega a calor e comeza a tempada de xeados. O primeiro deste ano, un clásico. É moi sinxelo de elaborar só tres ingredientes comúns, un pouco de tempo, e xa está. Hai que procurar que os amorodos estéan saborosos e o resultado será boísimo.
Ingredientes:
500 g de amorodos, 300 g de leite condensado, a pel relada dunha lima, 1 culler de azucre.Elaboración:
- Separar uns 50 g de amorodos, picalos en anacos moi pequenos, engadirlles 1 culler de azucre e reservar.
- Poñer o resto dos amorodos nunha tarteira e engadir a pel relada da lima.
- Poñer a lume suave e deixar que se cociñen despacio.
- Cando os amorodos estean feitos pasalos á batedora e trituralos.
- Para quitar as sementes pasar o puré por un coador.
- Mesturar o puré de amorodos co leite condensado.
- Engadir os amorodos reservados cortados en anaquiños.
- Refrixerar a mestura.
- Cando estea ben fría poñela na máquina* de xeados para mantecar.
- Gardar no conxelador.
- Sacalo do conxelador uns 10 minutos antes de servir.
*Pode facerse sen máquina metendo a mestura no conxelador ata que empece a conxelar, entón sácase e bátese, repítese esta operación ata que o xeado quede cremoso.
Comentarios
Publicar un comentario
Encantaríame saber a túa opinión