Encurtidos suaves de verduras a baixa temperatura

Esta é a primeira receita elaborada utilizando o baño Maria a baixa temperatura. Empezo a probar o cocedor a baixa temperatura con receitas moi sinxelas, esta é do libro de Joan Roca. Se non se dispón do sistema de cocción "sous vide" pode facerse ao xeito tradicional, en agua fervendo e baixando o tempo. No último paso da receita dou esta opción poñendo 30 minutos, este tempo é aproximado xa que eu non fixen a receita desta maneira.
Estes encurtidos son do tipo non fermentado xa que se lles engade vinagre. Son perfectos como aperitivo ou para completar unha ensalada. Unha vez preparados deixalos un par de días na neveira antes de consumilos.



Ingredientes:

6 espárragos verdes, 6 espárragos brancos, 3 cenorias, 1 brócoli pequeno, media coliflor pequena, 500 g de auga, 150 g de vinagre suave branco, 16 g de sal.


Elaboración:


  1. Cun pelador quitarlle aos espárragos brancos a parte externa que é dura. 
  2. Pelar as cenorias e cortalas en toros de 0,5 cm de grosor.
  3. Cortar o brecol  e a coliflor en anacos pequenos.
  4. Poñer agua a ferver e escaldar os espárragos brancos 2 minutos, logo pasalos a auga moi fría.
  5. Escaldar o resto das verduras por separado durante 1 minuto, despois pasalas a auga moi fría.
  6. Mesturar a auga, o vinagre e o sal, remexer ata que o sal estea disolto.
  7. Poñer as verduras en botes de cristal.
  8. Encher os botes coa mestura de auga, sal e vinagre.
  9. Tapar os botes e poñelos ao baño María a unha temperatura de 85ºC durante 45 minutos. 
  10. Se non se dispón de baño Maria de baixa temperatura poñelos en agua fervendo e diminuir o tempo a 30 minutos.



Dificultade: Moi fácil.
Tempo aproximado: 1 hora e 15 minutos.
Alérxenos: Non contén.

Comentarios