Cochinita pibil "sous vide"

Como me gusta a cociña mexicana! e un dos meus pratos preferidos é a cochinita pibil. Xa tentei facela noutras ocasións utilizando o forno pero sempre me quedou seca, así que decidín probar a facela ao baleiro a baixa temperatura. Creo que quedou moi rica, a próxima vez que a faga probarei a cociñala menos tempo porque me parece que estaba feita un pouco de máis, de todos os xeitos quedou moi zumenta. Se non se pode facer a baixa temperatura o tempo recomendado para facer a receita ao forno é dunhas tres horas e hai que tapar a carne, e a mariñada, con papel de aluminio. 
Unha das cousas que máis me gustan dos acompañamentos deste prato é a cebola morada encurtida, da que poñerei a receita proximamente.



Ingredientes:

1 kg de lombo de porco, 70 g de pasta de achiote, 60 g de vinagre de viño branco, 60 g de zume de limón, 125 g de zume de laranxa, media culler de pementa negra, un cuarto de culler de canela moída, un cuarto de culler de comiño en po, 1 culler de aceite de oliva, 4 dentes de allo, 1 folla de loureiro, un cuarto de culler de sal.
Ademais para acompañar: Tortiñas de millo, aguacate, cilantro e cebola morada encurtida.


Elaboración:


  1. Poñer todos os ingredientes, agás o lombo de porco e a folla de loureiro, na batedora. Bater ata ter unha mestura un pouco espesa.
  2. Cortar o lombo en anacos grandes, poñelos nun recipiente e cubrilos coa mestura anterior. Engadir o loureiro. Tapar o recipiente con film e meter na neveira durante o maior tempo posible, mellor ata o día seguinte.
  3. Ao seguinte día retirar a carne da mariñada. Procurar deixar a carne practicamente limpa. 
  4. Reservar a mariñada.
  5. Envasar a carne ao baleiro nunha bolsa.
  6. Poñer o baño de auga a 65ºC e cando acade esa temperatura introducir a bolsa coa carne e deixala durante 15 horas.
  7. Cando a carne estea feita abrir a bolsa recoller os mollos que soltou e mesturar coa mariñada.
  8. Poñer a mestura ao lume suave a reducir, aproximadamente, un terzo.
  9. Mentres esfiañar a carne. 
  10. Cando a salsa estea reducida mesturar coa carne e servir.

Dificultade: Media
Tempo aproximado: 1 hora de preparación máis 15 horas de cocción e o tempo que se deixe a carne mariñando.
Alérxenos; Non contén.

Comentarios