Marmelada de paraguaios

A marmelade de pexego é das máis comúns con todo a de paraguaios nunca a vín. É unha froita que me gusta moito, así que decidín aproveitar que agora están ben de prezo, para probar a marmelada. O resultado é unha marmelada moi aromática, resúltame deliciosa. A cantidade de azucre pode axustarse dependendo do grao de madurez da froita.


Ingredientes:

1,5 kg de paraguaios maduros, 600 g de azucre, o zume dun limón.


Elaboración:

  1. Lavar e cortar a froita en anacos pequenos. Poñela nunha tarteira.
  2. Engadir o zume de limón e o azucre, deixar repousar ata o día seguinte.
  3. Poñer a tarteira ao lume suave e deixar que ferva remexendo de cando en cando.
  4. Cando acada unha temperatura de 105ºC é que a marmelada está feita.
  5. Apagar o lume, deixar arrefriar a marmelada e pasala a botes de cristal ben limpos.
  6. Pechar os botes e poñelos ao baño maría durante uns 40 minutos (usando botes de 250 ml aprox).
  7. Etiquetar os botes indicando o contido e a data de envasado.




Dificultade: Moi fácil.
Tempo aproximado: 3 horas máis o repouso desde o día anterior.
Alérxenos:
Non contén

Comentarios