Flan de chocolate e mandarina con cardamomo

Ingredientes:

4 ovos, 4 mandarinas, 140 g de chocolate, 150 g de azucre, 8 vainas de cardamomo, leite (a cantidade será a necesaria para que o zume das 4 mandarinas e o leite sumen 600 ml), azucre e auga para o caramelo.





Elaboración:


  1. Acender o forno a 180ºC poñendo unha bandexa con auga no interior.
  2. Poñer nun cazo, ao lume, 100 g de azucre e 100 g de auga para facer o caramelo. Cando colla cor, retiralo e botalo no molde cubrindo ben o fondo e os lados. Reservar.
  3. Bater os ovos. Relar a pel de dúas mandarinas e engadila aos ovos. Reservar.
  4. Espremer as catro mandarinas, medir o volume do zume obtido. 
  5. Medir o volume de leite necesario para completar 600 ml de líquido restando o volume de zume de mandarinas (se o zume de mandarinas son 150 ml haberá que coller 450 ml de leite)
  6. Poñer o leite nun cazo a quentar a lume suave, engadir o chocolate, o azucre e as vainas de cardamomo abertas.
  7. Engadir o zume de mandarina aos ovos.
  8. Cando o chocolate estea fundido no leite, retirar do lume, deixar que arrefríe un pouco e cando estea morno coar para retirar as vainas de cardamomo.
  9. Engadir o leite con chocolate aos ovos pouco a pouco batendo continuamente.
  10. Botar a mestura no molde con caramelo.
  11. Meter o molde no forno, na bandexa con auga, para facelo ao baño maría durante 50 minutos aproximadamente. Antes de sacar pinchar cun coitelo, o flan está feito cando o coitelo sae limpo.
  12. Deixar arrefriar completamente antes de sacar do molde.


Dificultade: Fácil
Tempo aproximado: 1 hora e 15 minutos.

Comentarios