Pan de millo con cebola e pemento picante

Esta receita atopeina nun libro de Lorraine Pascale e no momento que a vin quixen facela. A receita orixinal non leva lévedo, pero despois de dous intentos en que o pan quedou coma unha pedra, cheguei á conclusión de que faltaba algo na receita, o lévedo. Á terceira foi a vencida e efectivamente ao engadir lévedo todo foi ben. 
Cando se fai a mestura non queda unha masa típica de pan senón que queda moito máis líquida, deume un pouco de medo que quedara moi picante e reducín a cantidade de pementos, pero a próxíma vez que o faga vou botarlle máis porque a verdade é que non picaba moito. 
Eu, realmente, cociñeino nunha cocotte coa tapa posta, pero seguro que nun molde tamén queda ben. O resultado é un pan húmido moi saboroso perfecto para acompañar unha boa sopa ou unhas lentellas.




Ingredientes:

220 g de fariña milla, 90 g de fariña sen glute (utilicei Schär), 2 ceboliñas pequenas, 2 pementos vermellos picantes, 1 ovo, 300 ml de leite, 200 g de millo doce en lata escorregado, 1 culleriña de azucre moreno, sal e pementa negra moída, 2 culleriñas de impulsor químico, 5 g de lévedo.


Elaboración:

  1. Separar 100 ml de leite, quentalo non máis de 30ºC, engadir o lévedo e deixar repousar ata que se faga escuma.
  2. Picar en anacos moi pequenos as ceboliñas e os pementos.
  3. Mesturar todos os ingredientes.
  4. Engadir o leite co lévedo cando xa fixo escuma.
  5. Remexer todo ben, quedará unha mestura bastante líquida.
  6. Deixar repousar unha media hora nun lugar cálido.
  7. Poñer nun molde untado previamente con aceite.
  8. Meter no forno a 200ºC durante 40 minutos, ata que o pan estea torrado por enriba.

Nota: A receita necesita que se lle engada bastante sal e pementa para que quede saborosa.




Dificultade: Fácil.
Tempo aproximado: 1 hora e 15 minutos.

Comentarios