Crema fría de lentellas vermellas

Buscando maneiras de seguir comendo legumes no verán ocorréuseme esta crema fría de lentellas, usei a variedade vermella porque cocen moi rápido o que diminúe o tempo de elaboración. Creo que quedaría ben con calquera outra variedade.
A crema lembra a un gazpacho pero as lentellas danlle un pouco máis de corpo e fana máis cremosa.
Se non se atopan tomates moi maduros usar tomate enteiro de bote.


Ingredientes:

250 g de lentellas vermellas, 2 dentes de allo, 1 cebola mediana, 1/4 de pemento morrón, 1 pemento verde tipo Arnoia, 2 tomates moi maduros ou unha lata pequena de tomate enteiro, sal, aceite de oliva virxe extra, vinagre de viño branco ao gusto, cilantro picado ao gusto.


Elaboración:


  1. Poñer a cocer as lentellas xunto cos dentes de allo e un pouco de sal. Engadir a auga necesaria para que cando estean cocidas non queden secas, pode ir engadíndose auga a medida que cocen.
  2. Cando as lentellas estean cocidas pasalas á batedora xunto coa auga da cocción.
  3. Se se utilizan tomates frescos, escalfalos para quitarlles a pel e cortalos en anacos, eliminando a parte máis dura antes de poñelos na batedora.
  4. Se se utilizan tomates enteiros de lata engadilos directamente á batedora.
  5. Engadir á batedora o resto de ingredientes e bater ata ter unha crema suave.
  6. Probar, e rectificar o sal e o vinagre.
  7. Deixar que a crema arrefríe na neveira e servir.



Dificultade: Facilísima.
Tempo aproximado: 40 minutos.
Alérxenos:
Non contén

Comentarios