Polbo á feira a baixa temperatura ou "sous vide"

Durante moito tempo non me atrevín a cociñar polbo porque unha vez que o tentei foi un desastre. Non hai moito a miña peixeira explicoume como cocelo e desde entón fágoo con frecuencia. Agora que dispoño da máquina para cociñar a baixa temperatura vou probando distintas receitas con este método de cocción. Facer o polbo desta maneira é moi cómodo, queda perfecto de cocción e con moito máis sabor, así que a partir de agora procuro ter no conxelador polbo xa envasado ao baleiro para cociñalo en calquera momento, só hai que acordarse de desconxelalo o día anterior.


Ingredientes:

1 polbo fresco e limpo de 2 kg aproximadamente, 1 pataca por comensal, aceite de oliva virxe extra variedade arbequina, pemento doce da Vera, sal maldon.



Elaboración:

  1. Cortar os tentáculos do polbo e envasalos ao baleiro. Se se quere facer todo o polbo pode envasarse nunha soa bolsa se non, pode envasarse en varias bolsas repartindo a cantidade que se queira facer de cada vez. Conxelar o polbo.
  2. O día anterior a facer o polbo sacalo do conxelador e deixar que se desconxele na neveira.
  3. Poñer o baño de temperatura controlada, "sous vide" a 95ºC.
  4. Cando acade a temperatura introducir o polbo envasado e deixalo que se cociñe durante 100 minutos.
  5. Mentres coce o polbo, poñer a cocer as patacas en auga con sal e unha folla de loureiro.
  6. Despois dos 100 minutos sacar a bolsa co polbo do baño, abrila e tirar a auga que soltou o polbo ao cocer.
  7. Cortar o polbo cunha tesoira,  botarlle o sal maldon, o pemento e o aceite ao gusto.
  8. Servir o polbo e as patacas.


Dificultade: Fácil.
Tempo aproximado: 100 minutos.
Alérxenos: